Sunday 12 de May de 2024

Unha exposición amosa 50 traxes de alta costura utilizados pola mezzosoprano Teresa Berganza


A mostra, que se desenvolve en Palexco ata o 25 de xullo, repasa a través do seu vestiario a traxectoria dunha das divas da ópera

A exposición “O sorriso de Berganza” coincide coa conmemoración do 30 aniversario da estrea das Cancións Xacobeas Homenaxe á Lírica Galega

A mostra inclúe os doce traxes lucidos por Teresa Berganza no Teatro Rosalía e outros espazos escénicos de Galicia desde o ano 1960

O Concello da Coruña recolle desde hoxe nunha exposición 50 traxes de alta costura e prêt-à-porter exclusivos de Teresa Berganza, nunha mostra que repasa a traxectoria dunha das principais cantantes de ópera e de sempre moi vencellada á cidade da Coruña. A exposición ”O sorriso de Berganza”, poderá contemplarse na sala municipal de exposicións de Palexco ata o próximo 25 de xullo. A concelleira Diana Sobral Cabanas foi a encargada hoxe de presentar a mostra.

O gardarroupa de concerto da mezzosoprano Teresa Berganza (Madrid 1933-El Escorial 2022), está formado polas indumentarias e modas que a chamada “mezzosoprano do século” levou entre a década dos anos 50 e a primeira década do século actual. O armario está surtido coa mesma dedicación coa que Teresa Berganza coidaba o seu canto e a súa voz. Todo no universo musical de Berganza é extraordinario como o é o seu gardarroupa.

Desta volta é a primeira ocasión na que se exhibe un conxunto tan grande de modelos de Berganza, a maioría deles non foran amosados en público desde que a cantante os lucise nas súas actuacións.

Hai expostos 50 modelos de alta costura, costura e prêt-à-porter exclusivo, entre os que resalta o traxe de Christian Lacroix que o modista creou para Teresa Berganza con motivo da inauguración da Ópera de la Bastille de París, que se presenta xunto cos seis debuxos orixinais do traxe e un vídeo coa actuación da mezzosoprano interpretando un aria de Carmen de Bizet.

Destaca tamén un modelo de EISA, o que era Balenciaga en Madrid. É un traxe de vestir do ano 1963 en cor rosa que se presenta xunto a unha foto de Teresa lucindo o modelo, acompañada polos seus fillos en Aix-en-Provence.

Figura tamén o traxe de Loris Azzaro que levou na estrea absoluta das Cancións Xacobeas Homenaxe á Lírica Galega de Antón García Abril no Auditorio de Galicia en 1993.
Preséntase xunto con outros once modelos que a mezzosoprano levou en Galicia ou cantando repertorio galego ou actuando con músicos galegos como o director de orquestra Maximino Zumalave. Estes modelos vestiunos Teresa tamén na Coruña desde o ano 1960 nas moitas actuacións que tivo no Rosalia e noutros recintos da cidade.

Outras pezas destacadas son un grupo de traxes en cor azul noite, pois a maior parte do armario é vermello e negro, que levou por todo o mundo. Son modelos asinados por LorisAzzaro. Hai ademais modelos de Inés Higuera, de Pierre Cardin, de Guy Laroche, de Emmanuel Ungaro, de Elena Benarroch, xunto con debuxos de Loris Azzaro, de Pierre Cardin, de Elio Berhanyer e de Balenciaga.

Outra parte especial da exposición é a formada polos modelos de Pedro Rodríguez, o gran modisto de alta costura en España, de quen non é sinxelo atopar deseños accesibles para o público.

Preséntase tamén na sala o vídeo restaurado das Cancións Xacobeas de Antón García Abril e moita documentación orixinal, desde carteis de La Scala ata fotografías do fondo persoal de Teresa Berganza.

Trátase por tanto dunha mostra transversal que fusiona moda e lírica, cultura universal e novos discuros. Un xeito de estudar a unha muller coñecida universalmente polo seu canto, por medio doutra perspectiva, a dos traxes. Ademais, durante o desenvolvemento da exposición haberá actividades complementarias como conferencias e concertos.

“O sorriso de Berganza” está comisariada por Román Padín Otero, doutor en Arte Contemporánea e persoa que xestiona con exclusividade o gardarroupa de Berganza e a súa documentación, procedente da casa que a cantante ten no Escorial.